Localización

O casco vello de Ribadavia é un dos principais atractivos da beleza e dos marabillosos tesouros galegos. Foi declarado Conxunto Histórico Artístico en 1947 e nel aséntanse os principais monumentos da capital do Ribeiro, vila medieval que debe ao asentamento do primeiro rei de Galicia, García I, en 1102, a construción do recinto amurallado e o asentamento da principal fonte de recursos esconómicos da vila: o viño. Esta riqueza fixo posible a atracción de colonias xudías, adicadas ao comercio e á exportación. A colonia xudía non só foi acicate e dinamizador da economía, tamén foi xunto aos cristiáns defensora do asedio dos ingleses contra finais do S. XIV. O seu asentamento tamén foi unha importante herdanza histórica para a vila, malia o afán persecutoria da Inquisición tras o Decreto de expulsión dos Reis Católicos en 1492.

En Ribadavia están o Centro Sefardí de Galicia, a Fundación Festa da Istoria (responsable de organizar cada derradeiro sábado de agosto esta importante celebración que atrae a milleiros de visitantes a vivir nun contexto único ao son dos maravedís, desfiles e xogos, unha verdadeira transformación e salto no tempo), o Centro de Estudos Medievais ou o Museo Etnolóxico, posuidor dunha importante biblioteca e hemeroteca relacionadas non só coa etnoloxía, etnografía, antropoloxía, fotografía, museoloxía e museografía, senón tamén coa historia medieval de Ribadavia e coa historia de Galiza.

Ribadavia está enclavada nun lugar excepcional que oferta unha ampla gama de posibilidades turísticas: rutas do viño, termalismo, paisaxe, deporte náutico, patrimonio histórico artístico, gastronomía, etc. Sobre o río Avia sitúase esta capital, que celebra a Feira do viño dunha das máis recoñecidas Denominacións de Orixe do mundo: Ribeiro. Pero tamén Miño e Arnoia bañan o resto de terras das que nace o ouro líquido en toda a área da D.O., sumando así aos concellos de Castrelo de Miño, Arnoia, Beade, Carballeda de Avia, Cenlle, Cortegada, Leiro, Punxín e parte dos de Boborás, Ourense, Carballiño e Toén.

Entre conventos, igrexas e edificios civís, a vila de Ribadavia ofrece un importante percorrido monumental. Destacan os seguintes edificios relacionados igualmente coa importante historia teatral de Ribadavia:


Castelo dos Sarmiento

(S. XV) Construído aproveitando unha fortaleza existente, dentro da muralla, que data de principios do S. XIII. No interior do castelo consérvanse unha importante necrópole de pedra do século IX-XII, aparte de enterramentos antropoides escavados en roca viva do século IX e un sepulcro do século XII. A finais dos 80 ergueuse un anfiteatro ao aire libre, espazo principal, cun aforo de arredor de 800 localidades, para a Mostra Internacional de Teatro.


Igrexa da Magdalena

(data do S. XII, aínda que a súa orixe podería ser anterior) No S.XIV, por mor da ampliación do Castelo, foi trasladada á localización actual. Destaca a súa fachada barroca, o campanario e a bóveda interior. É un dos espazos de exhibición escénica da MIT.


A Casa da Inquisición (obra gótica cos cinco escudos das familias ligadas ao oficio relixioso), o Pazo dos Condes (pazo do S. XVII que pertenceu aos Condes de Sarmiento, é a actual oficina de Turismo de Ribadavia) ou a fermosa Torre do Reloxo da Casa do Concello (torre do XVI que alberga un reloxo ao se lle debe dar corda todos os días para que os paseantes da Praza Maior poidan ver a hora), son testemuño dos diversos espectáculos de “Ruadavia”, marca que contén toda a programación de espectáculos itinerantes ou de praza, como a Alameda, a Praza Maior, etc.

Convento e igrexa de Santo Domingo

Un dos máis antigos de Galicia, cunha igrexa que constitúe un dos mellores exemplares do gótico galego. Nas inmediacións tamén se sitúa a capela do Portal, patroa de Ribadavia. A amplitude do Adro de Santo Domingo é un dos espazos de representacións da Mostra Internacional de Teatro, entre a Alameda e a Casa da Cultura.


Casa da Cultura

Xunto co Auditorio do Castelo e a Igrexa da Madalena, son os principais espazos de representación da MIT.


A 40 minutos da cidade de Vigo e a 20 da de Ourense, dende Ribadavia pódese combinar, con distancias curtas, praia e natureza, ámbito urbano e rural, unha ración de polbo á feira con caldos do Riberio. Ribadavia, núcleo dionisíaco.

Recomendamos:

  • Aloxamento:

    As casiñas, vivendas turísticas situadas no casco histórico de Ribadavia, recentemente rehabilitadas con elementos naturais, dando lugar a un ambente cálido e con encanto..

  • Gastronomía con historia e lendas:

    O PAPUXA. Emblemática taberna pola que semella non ter pasado o tempo. Lugar para degustar un Ribeiro de colleita propia e sentir a pegada da historia materializada nos carteis das Mostras Abrente (1973-1980) colgados das súas paredes. Taberna das ideas en tempos de censura, reivindicación e renacemento. Disque existe un paso no baixo que conecta coa desembocadura do Avia no Miño e que fora construído para escaparen os xudíos despois do decreto de expulsión.

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia