VI PREMIO ABRENTE PARA

TEXTOS TEATRAIS

Coa intención de incentivar a creación dramática en galego e por ser o teatro a actividade que maior incidencia e proxección histórica lle outorgou á ribadaviense Agrupación Cultural Abrente (1969-1983), o Concello de Ribadavia a través da Mostra Internacional de Teatro convoca, en lembranza daqueles “Concursos de Textos Teatrais”, a 6ª edición do Premio Abrente para Textos Teatrais 2011, de acordo coas seguintes BASES:

Descarga aquí as bases de 2011.

1ª REQUISITOS

Poderán optar ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten obra inédita e nunca antes premiada ata a data de resolución desta convocatoria de premio, sempre que estea escrita na normativa oficial da lingua galega.

2ª PREMIOS

Establécese un premio único e indivisible, dotado con 3.000 euros, unha estatuíña do artista Manuel Rodríguez Alonso (Sampedro), máis a edición da obra gañadora.

O Concello reservará por un prazo de doce meses os dereitos de edición e representación da obra e entregará ao gañador/a un total de vinte e cinco exemplares. Igualmente, o Concello poderá promover, a través da Mostra Internacional de Teatro, a produción para a escenificación das obras premiadas sen que isto supoña unha compensación complementaria para o autor/a.

En calquera montaxe que se faga da obra gañadora farase constar, obrigatoriamente, tanto no programa, cartel, publicidade, etc., a mención expresa “PREMIO ABRENTE DE TEATRO. RIBADAVIA 2011”.

3ª PRESENTACIÓN DOS ORIXINAIS

As obras serán de tema e extensión libre e presentaranse por quintuplicado, mecanografados a dobre espazo, en tamaño DIN A4, fonte de letra Times New Roman, por unha soa cara e numerados, grampados ou encadernados.

Os orixinais presentaranse baixo o título e un lema ou pseudónimo, acompañados dunha plica onde figure, no exterior, o título e o lema ou pseudónimo e que conteña no interior os datos persoais da autora ou autor: nome, apelidos, enderezo postal, número de teléfono e correo electrónico.

4ª PRAZO E LUGAR DE ADMISIÓN

O prazo de admisión de orixinais remata o día 1 de xullo de 2011 e deberán enviarse ao seguinte enderezo:

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Praza Maior s/n, C.P. 32400, Ribadavia, Ourense

Deberase indicar no sobre “6º Premio Abrente para Textos Teatrais 2011”

5ª XURADO

O xurado presidirao o Alcalde de Ribadavia ou persoa en quen delegue e formarán parte del: o Concelleiro de Cultura e Educación ou persoa en quen delegue, o Director da Mostra Internacional de Teatro e tres persoas de recoñecido prestixio no eido da arte teatral. O nomeamento do xurado farao o alcalde ou persoa en quen delegue e actuará como secretario/a a persoa elixida por maioría entre os membros integrantes.

A composición do xurado farase pública con anterioridade á súa reunión, coa intención de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.

6ª COMUNICACIÓN DO DITAME

O xurado actuará en convocatoria de pleno, en sesión única, sendo precisa a asistencia de dous terzos dos seus membros.

As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. A obra gañadora será escolleita entre dúas obras finalistas, sendo a gañadora a que obteña un mínimo de catro votos. A plica correspondente á obra finalista poderá ser aberta polo secretario do xurado se se considera oportuno para que, se o autor/a o permite, se dea a coñecer de maneira pública. O veredito do xurado será inapelable.

O xurado poderá declarar deserto o premio e a súa proposta será obxecto de resolución da Alcaldía - Presidencia do Concello de Ribadavia, que é o órgano competente para resolver o premio.

A decisión do xurado darase a coñecer publicamente o día 23 de xullo de 2011, no acto de clausura da XXVII edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.

7ª RETIRADA DE ORIXINAIS NON PREMIADOS

Os orixinais non premiados poderán ser retirados das dependencias do Concello de Ribadavia no prazo de 30 días naturais a partir do seguinte da decisión do xurado. Aqueles orixinais que non sexan retirados nun prazo de dous anos, pasarán a formar parte dos fondos do Concello, previa destrución das plicas que conteñen os datos persoais das persoas concursantes.

8ª ACEPTACIÓN DAS BASES

A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases. A entidade organizadora queda facultada para resolver calquera cuestión non prevista nas presentes bases.

ORGANIZA:
COLABORA:

Ribadavia, marzo de 2011

 
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia