Sáuda a dirección


Foto: Paco Vilabarros   

    Quéroche dar a benvida a este espazo do gran festival galego na rede, quero convidarte a seres partícipe dunha das maiores apertas de Galiza co mundo.

    Do 17 ao 26 de xullo de 2009 a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia inicia outra estimulante era cun XXV aniversario que quere render homenaxe, facer balance e coller vigoroso impulso grazas ao imborrable traballo de todos os homes e mulleres, nomeadamente ao amigo Rubén García, que fixeron posible a privilexiada proxección do que é este simbólico festival e que ademais nos permite soñar co que aínda pode chegar a ser.

    Esta Mostra que celebra en 2009 o seu XXV aniversario, coincide igualmente cos 40 anos da fundación da Asociación Cultural Abrente, promotora da primeira etapa, dos antecendentes chamados Mostras de Teatro e Concursos de Textos Teatrais en Galego Abrente, citas para o urxente rexurdir da creación textual e espectacular, baixo o sino da ditadura franquista, entre os anos 1973 e 1981. A historia devólvenos o pulo, o entusiasmo, os proxectos inconclusos, a lección dos acertos e dos desatinos. Devólvenos o poder da marca nun cada vez máis competitivo panorama de oferta escénica e turística, creativa, formativa e de lecer. Devólvenolo hoxe, despois de dúas marcadas etapas que, sen dúbida, son o mellor aval de futuro.

    Neste sitio web transparentaranse liñas e obxectivos dunha xestión que se marca como reto ofrecer un servizo público digno, de calidade, participativo, aberto á realidade social e cultural galega e internacional. Con toda esa dose de incalculable herdanza e responsabilidade, a xestión procurará incidir na diversidade da selección crítica da programación, reformulación e constitución dun novo marco legal para a obtención da estabilidade e autonomía financeira e organizativa que este festival precisa, na conversión dun activo ente de produción e na planificación a medio e longo prazo.

    A nova imaxe e o novo enfoque competitivo deste festival obríganos a establecer contactos con axencias de proxección exterior da cultura de diferentes países e comunidades con sólida oferta escénica, tamén a diversificar as fontes de recursos cunha planificada estrutura de produción dende o coñecemento de parámetros de oportunidades, ameazas, fortalezas e debilidades para poder levar a bo termo todas as ambiciosas liñas de acción. Liñas indubidablemente relacionadas coa economía local, con futuras e modernas infraestruturas de referencia para o sistema teatral galego e da competitividade e incidencia deste no exterior.

    Esta nova etapa non quere nin debe desbotar a oportunidade de poñer en valor a historia de máis de trescentas compañías procedentes de máis de setenta países diferentes, decenas de miles de espectadores, encontros inefables provocados entre o espectáculo e a beleza da súa exhibición no medio da morna noite dun manto de viñas. O berce, a capital teatral do país será o que as galegas e os galegos queiramos que sexa. Por iso e porque ninguén sobra neste labor, anímovos a compartir comigo o honroso compromiso de impregnar de entusiasmo a aquelas persoas que dende sempre ou por primeira vez, queiran pisar o epicentro xudío de Galiza, embebedárense de celebración, de sorpresa escénica, de agasallo para o espírito e, se cadra, entre paraíso escénico e termal, tamén para o corpo.

    Roberto Pascual
Director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia

 
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia