Nota de Prensa: Presentación Programa

A MIT de Ribadavia fortalece a súa dimensión internacional e o equilibrio entre a presentación de grandes mestres da escena actual cos novos valores dos creadores e creadoras a través de coproducións, estreas e residencias artísticas.

A edición de 2016, que se presentou hoxe na Cidade da Cultura, concede un especial protagonismo á mirada en feminino da escena e dende a escena, con grandes personaxes para grandes actrices coma Laura Nevole (Arxentina), Mabel Rivera, Belén Constenla, Patricia de Lorenzo (Galicia) ou Eva Rufo e Carmen Gallardo (España).

A memoria, a violencia, a palabra ou a arte, eixos temáticos ou motivos recorrentes sobre os que o Director Artístico, Roberto Pascual, construíu un programa de 20 espectáculos procedentes de Lituania, Francia, Arxentina, Chile, distintos puntos da xeografía española e Galicia. Un programa destinado a construír e fomentar o gusto polas artes escénicas na súa diversidade e evolución constante.

A presentación en Galicia do traballo escénico de Oskaras Koršunovas, Director do Teatro Municipal de Vilna en Lituania, é un dos grandes atractivos do cartel desta edición de 2016, xunto co programa especial extendido de celebración do 30 aniversario de Matarile Teatro ou a presentación da espectacular mestura de cómic, vídeo e teatro de TeatroCinema de Chile.

Con estas apostas, a MIT reafirma a relevancia da investigación como motor estratéxico para a excelencia dos resultados escénicos nunha época de recortes e precariedade para un sector cultural obrigado a ofrecer resultados inmediatos, acelerados e, na maioría das prácticas políticas da actualidade, afogados en orzamento e recursos. Pola contra, Koršunovas presenta unha excelente posta en escena de “A Gaivota” de Chejov, que nace do laboratorio do seu teatro en Lituania e dos laboratorios escénicos que teñen lugar cada verán no Colexio de Teatro da Bienal de Venecia. O resultado, actuacións memorables dun elenco formado por doce actores, con Martynas Nedzinskas á cabeza, pois A Gaivota recibiu dous Golden Cross Awards: Martynas Nedzinskas (Trepliov) foi galardoado como mellor actor e Nel? Savi?enko (Irina Arkadina) foi premiada como mellor actriz. Ademais, o traballo de Koršunovas conseguiu o premio principal no 36th Lithuanian Theatre Spring Festival. O debut internacional deste espectáculo no festival Kontakt de Torun, Polonia, foi acompañado de cinco premios: o terceiro Premio para o mellor director a Oskaras Koršunovas, o Premio para o mellor artista revelación para Martynas Nedzinskas (Trepliov), o Premio para a mellor actriz the para Rasa Samuolyt? (Masha) e tamén o Premio da Prensa.

Escenificar a Antón Chejov é, en palabras deste afamado director europeo, “diagnosticar as enfermidades do noso tempo, as pingas da nosa alma, empregando entoacións coma escalpelos.

Para un actor e unha actriz, adentrarse nas obras de Chéjov debe ser algo similar ao traballo dun médico tomando o xuramento hipocrático, porque cada momento nun drama de Chéjov é unha metástase do destino. Por desgraza, a miúdo a paixón, o amor, os celos, o odio e o presente nas obras de Chéjov foron silenciados, afogado na néboa das elexías intelectuais menores, charlas de mesa de té, coa vida simplemente pasando. Pero todo iso non é máis ca unha visión académica e, de facto, unha censura propiamente política. En verdade, a vida non pasa polas pezas de teatro de Chéjov – a vida ábrese para os personaxes e para o público con toda a potencia do seu amor e do seu horror existencial ". Afirma con sentido crítico Oskaras Koršunovas.

No caso de Matarile, tras unha parada de reflexión e recomposición, a compañía galega volve aos escenarios con catro espectáculos con distinto formato, elenco e contido. Na estación 30Aniversario-Matarile- Ribadavia presentarán “El cuello de la jirafa”, “Teatro invisible” e “Antes de la metralla”. Co obxectivo de expor algunhas orientacións e interpretacións da escena contemporánea desde distintos ángulos, perspectivas ou implicacións, “Antes de la Metralla” pretende ser un encontro escénico con algunhas persoas: Mónica García (bailarina), Eduardo Pérez- Rasilla (profesor da Universidad Carlos III de Madrid), Carlos Aladro (novo director do festival de Otoño), Ana Contreras (profesora na RESAD e directora), Lara Contreras (artista plástica), Ricardo Santana (coreógrafo e actor), Baltasar Patiño (escenógrafo e iluminador) e Ana Vallés (directora e dramaturga) que, por un lado, achegan os seus puntos de vista (sobre a escena) e, por outro, están dispostas a exporse en escena máis alá do refuxio da palabra. Carente de valor comercial. Un traballo in situ, cuns días previos de encontro na Igrexa da Madalena e coa posta en escena final, pero sen ánimo de que sexa un espectáculo pechado senón máis ben a mostra do resultado dese encontro: un acontecemento para un marco específico; o primero na MIT de Ribadavia, á que seguirán outros festivais.

No apartado iberoamericano, sempre relevante na MIT, tamén poderemos asistir á estrea de dous espectáculos que teñen en común o protagonismo feminino e o tema da violencia exercida contra a muller. En primeiro lugar, unha compañía veterana, TeatroCinema, dirixida por Juan Carlos Zagal, seguindo a liña de mestres da escena que grazas á MIT se dan a coñecer en Galicia, como se puido ver en edicións recentes coa obra de Declan Donellan, Pippo Delbono, Staniewski, Emma Dante, Alain Platel, Arístides Vargas, Marco Layera, Phillippe Quesne, etc. En segundo lugar, a presentación da dramaturxia con menor traxectoria, como é o caso, nesta ocasión, do dramaturgo e director arxentino Rubén Sabadini. A obra que o está a facer moi recoñecido nacional e internacionalmente chámase “Trópico del Plata” (o 18 de xullo en Ribadavia), e trátase dun unipersoal feminino onde se aborda o tema da trata de persoas e a inmigración, narrado coa forma dun poema salvaxe. Estreada en 2013, chegou este ano á súa 3Ş exitosa temporada. Participou no FESTIVAL ESPACIO ALTERNATIVO 2015 en Santa Cruz de la Sierra, Bolivia. Participou ademais no 1ş Festival Nacional de Violencia de Género, Argentina e no 4ş e 5ş FESTIVAL ESCENA de Buenos Aires. Foi declarada de interese cultural pola Lexislatura da Cidade de Buenos Aires en 2014 e agora chega a Europa da man do Festival de Almada (Portugal) e da MIT de Ribadavia (Galicia). A peza obtivo tamén a 1Ş Mención de Honor do Concurso de Obras de ARTEI e polo seu traballo na obra, Laura Nevole foi nomeada como Mellor actriz nos Premios de Teatro do Mundo 2014 e nos Premios Luisa Vehil 2014.

TeatroCinema, pola súa banda, aborda a violencia desde a obsesión dun profesor por unha muller que acaba acosando e violando. Adaptación da novela homónima de Regis Jauffret, a posta en escena de Juan Carlos Zagal (ex integrante da mítica compañía La Troppa) sobresae pola espectacular escenografía que mestura a expresión corporal dos intérpretes con proxeccións que perseguen a estética do cómic. “Historia de amor” é unha intriga urbana sobre un profesor que viola a unha muller, sen lle deixar outra opción máis ca recorrer ao seu mundo interno a modo de consolo. Un mundo que o director Juan Carlos Zagal creou a partir de proxeccións, efectos especiais e fotografías que ilustran os límites entre a razón e a loucura na que se move a trama.

Seguindo co tema da violencia, Voaxa e Carmín é a obra da nova dramaturga galega Esther Carrodeguas, que a MIT estrena y coproduce, despois de ter gañado o ano pasado o concurso de textos teatrais Abrente do festival. A obra parte da historia real de dúas mulleres, Maruxa e Coralia Fandiño Ricart (as dúas Marías), que viviron no seo dunha familia anarco-sindicalista en Santiago de Compostela e que sufriron a burla, o menosprezo e a violencia da sociedade franquista, nunha cidade que contrastaba coa cor desmesurada dos seus beizos e da súa indumentaria. A estrea deste esperado premio está protagonizada por dúas grandes actrices, Mabel Rivera (Premio Goya por Mar Adentro) e Belén Constenla e no apartado plástico, combínase a artesanía dun retablo deseñado por Marcelino de Santiago “Kukas”, con videoproxeccións que recrean esa sorte de ritual-peregrinaxe polas rúas de Santiago, realizadas por Roi Fernández.

De fondo, neste espectáculo, tamén está o traballo a partir da memoria histórica, a de dúas mulleres que retratan unha época de represión, apariencias, roles determinados, exilios na propia terra, etc., cuestións que aborda esta peza, pois como di a súa autora, “Escollín da súa historia convertida en mito só o que interesou para mostrar o gris que se oculta detrás dun arco iris de cor”. Tamén relacionadas coa memoria histórica, encontraremos na MIT 2016 os magníficos espectáculos “La piedra oscura” de Alberto Conejero, dirixida polo arxentino Pablo Messiez (5 premios MAX) e “Penal de Ocaña”, de Ana Zamora, coa que este festival se suma á celebración do 15 aniversario desta compañía de repertorio, unha das máis coherentes e sólidas da escena española actual.

Desde outro punto de vista, pero tamén arredor da memoria, desde as técnicas do teatro documento e a partir da materia da memoria xeracional da transición e da era democrática, Chévere presenta a súa primeira produción despois do Premio Nacional de Teatro. “Eroski Paraíso” é un espectáculo que explora a memoria colectiva, a deriva vital e a transformación dos afectos dentro dunha comunidade dunha pequena vila galega a partir de historias reais recollidas sobre a sala de festas O Paraíso, que funcionou en Muros entre 1972 e 1990, convertida agora nun supermercado Eroski. Un espectáculo no que sobresae, entre outras proezas, o gran traballo actoral de Patricia de Lorenzo, unha das grandes intérpretes da escena teatral europea, como se poderá comprobar no escontro internacional que é o gran escenario de Ribadavia.

Complétase o programa do Auditorio do Castelo cunha das compañías máis aplaudidas na historia recente da MIT polo público, Atalaya, que nesta ocasión estrea “Madre Coraje”, de Bertolt Brecht e a catalana Pelmŕnec coa su premiadísima “Don Juan. Memoria amarga de mí”. A este escenario principal súmanse os espectáculos para público familiar no recén bautizado Auditorio Manuel María María da Casa da Cultura de Ribadavia (“Amour”, de Marie de Jongh -Premio Ercilla á mellor produción teatral vasca de 2015- e “El pájaro prodigioso”, de La Maquiné), a Iglexa da Madalena (espazo para a residencia artística e o programa especial do 30 aniversario de Matarile) e varios espectáculos de rúa, tanto no apartado Ruadavia coma no SputMIT (satélites da MIT no rural). Ademais, ao programa de espectáculos, coma en todas as edicións, sumaránselle unha serie de actividades paralelas, que se presentarán en días vindeiros, xunto coa información detallada sobre a venda de entradas.

Atentamente,
O equipo da MIT RIBADAVIA
www.mitribadavia.com

 
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia