A MIT Ribadavia presenta imaxe e liñas mestras da programación da 31ª Edición

O festival inaugórase oficialmente o día 18 de xullo e remata na noite do 25 de xullo.

A 31ª edición da MIT Ribadavia volverá ser un referente do teatro contemporáneo internacional e nacional, compartindo estratexias e colaboracións con eventos cercanos en datas e afíns artisticamente, que poidan redundar na eficiencia e na optimización de recursos, pero procurando manter sempre a súa independencia e identidade. As dúas liñas mestras desta edición de 2015 da MIT son: a hibridación de linguaxes e xéneros escénicos na creación contemporánea e a autoría dramática actual. Con motivo do 10º aniversario do premio Abrente de textos teatrais que convoca o festival, levarase a cabo unha moi relevante actividade expansiva de mediación e afondamento nas pezas e no traballo dos artistas escénicos. As actividades paralelas son moi importantes para un festival cun forte compromiso e dimensión popular e educativa, que atrae a máis de 15.000 visitantes nas súas variadas representacións. Deste xeito, cómpre salientar a organización durante a MIT 2015 dun programa de artistas en residencia coordinado pola compañía portuguesa Mundo Razoável, que contará coa participación de 10 dramaturgos/as galegos e portugueses, baixo o soporte da MIT Ribadavia e da DG Artes / Secretaría de Estado de Cultura do Goberno de Portugal.

A MIT Ribadavia presentará o programa completo nun acto que se convocará na semana do 22-28 de xuño. Nel, o seu director Roberto Pascual, dará conta polo miúdo dos 21 espectáculos de compañías procedentes de Francia, Italia, Chile, Portugal, Arxentina, Cataluña, Andalucía, Madrid, Castela-León ou Galicia. Pero non só os espectáculos teñen protagonismo na MIT, tamén a novidosa iniciativa que se porá en marcha nesta edición baixo a denominación “Foros da MIT Ribadavia“, un coidado espazo para o debate, entrevistas e obradoiros cos creadores e usuarios que visitan a capital do teatro galego e que intercambiarán a súa experiencia e relación coa sociedade actual, coa política, coa economía e co sistema cultural en foros abertos a toda a cidadanía, moderados por xornalistas, profesores, políticos ou distintos axentes sociais e artísticos. O Foro da MIT Ribadavia quere ser a manifestación latente dun dos obxectivos que a Mostra leva perseguindo nos últimos anos, de empoderamento da sociedade en relación co discurso crítico sobre a arte e a organización social. Os foros abertos tamén queren evidenciar o feito non crematístico do festival, a filosofía de irradiación daquilo que conclúe nos espazos de exhibición e nas canles de divulgación, na busca de novos espectadores e no compromiso coa innovación e o progreso da diversa e novidosa produción teatral contemporánea, facéndoa así mesmo máis accesible para todos os espectadores/as.

O deseño do cartel, obra do escenógrafo Diego Valeiras, afianza a identidade gráfica da MIT, empregando a planta dun teatro para compor unha imaxe dun paxaro na frondosidade dunha paisaxe verde, cun obxecto protagonista denominado vivarium, elemento para gardar e criar animais ou prantas para a observación ou a investigación. Frecuentemente, nos vivarios simúlase, nunha pequena escala, unha porción do ecosistema dunha particular especie coas súas condicións ambientais. Unha boa manifestación, suxerente da filosofía dun festival internacional, sempre na procura, con renovadas inquedanzas, mais con raíces no pouso da súa historia, do seu contexto e do seu tempo.

31ª MIT Ribadavia
www.mitribadavia.com
Tel. 607332032
 
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia