A MIT 2014 inaugurarase o día 19 de xullo

A MIT 2014 inaugurarase o día 19 de xullo. O 30 aniversario da MIT Ribadavia traerá a Galicia, por vez primeira, ao director inglés Declan Donellan, un dos grandes nomes do teatro internacional.

Ademais da compañía Cheek by Jowl, coa persoal e moi actual posta en escena da obra UBU ROI (brutal sátira de Alfred Jarry sobre a avaricia e o abuso de poder que o director inglés sitúa no apartamento dunha familia burguesa parisina actual), dirixida por Donellan, autor do libro "El actor y la diana", a MIT aposta por situarse como o referente internacional do teatro galego e como institución escénica atenta ás máis orixinais e innovadoras tendencias escénicas contemporáneas internacionais, para compartiren escenario coas mellores cualidades da creación escénica galega. Deste xeito, no programa da MIT 2014 convivirán nomes coma Emma Dante, unha das máis recoñecidas directoras de escena de Italia, que chegará a Ribadavia inmediatamente despois de presentar a súa obra de teatro-danza "Le sorelle Macaluso" no festival de Avignon, coa obra dos galegos Chévere ou cun ciclo sobre o novísimo teatro arxentino.

A MIT 2014 inaugurarase o día 19 de xullo coa súa coprodución con Voadora, unha posta en escena de linguaxe moi ecléctica e contemporánea a partir d'A Tempestade de Shakespeare e con gran incidencia na musicalidade, a principal liña condutora do programa desta edición. As diversas formas e estilos que o teatro adopta ao empregar a música na posta en escena poderán apreciarse nunha gran parte dos espectáculos desta edición.

Ribadavia, 19 de xuño de 2014.-

Nesta 30 edición, a MIT asome novos riscos, novos esforzos, novas alianzas e novos discursos dende a máis coherente programación posible, para outros novos momentos, novas demandas e novos espectadores aos que estas linguaxes contemporáneas e impactantes, dende a musicalidade e a convivencia do canónico co máis emerxente, quere chamar a atención. A escena como símbolo proactivo dunha sociedade viva, afirma o director da MIT, Roberto Pascual.

A liña principal, así pois, desta 30 edición é a musicalidade como artefacto escénico eficaz para xerar novas formas e provocar estímulos que capturen a atención dun espectador esixente, crítico e inconformista. Máis alá do teatro musical, latexa na escena contemporánea un uso innovador e refrescante da musicalidade dos obxectos, da emisión da palabra ou dos usos rítmicos tanto na forma coma no carácter dos contidos. Así, dende o cabaré nihilista da Galicia actual que nos presenta Chévere, que completará o seu sacrilexio contra os ananos e contra Galicia no día da Patria, o 25 de xullo, no altar laico de Ribadavia, até a parodia musical con clown e ironía sobre a reciclaxe, o consumo e o politicamente correcto das sociedades do 1º mundo, creada polos armenio-italianos Jashgawronsky Brothers (Premio do Público da MIT 2011), o espectador poderá apreciar a multitude de usos, hibridacións e renovadoras formas escénicas a partir da introdución desta ferramenta na forxa do teatro.

Nesta edición de 2014, a MIT tamén quere afondar na experiencia única que supón a asistencia a espectáculos de cercanía, onde a inmediatez ou incluso a convivencia dos actores e do seu universo da ilusión co espazo do espectador xera atmosferas de emoción irrepetibles. Na Igrexa da Madalena terá lugar este ciclo de teatro de cercanía ou proximidade, con tres pezas (Que vaya bonito, Diante do espello e A 20 de novembro) nas que se poderá experimentar dende unha festa de despedida cun aforo máximo de 70 persoas até as confesións dunhas actrices ou o relato do adolescente, do looser (inspirado no suceso protagonizado por Sebastian Bosse en novembro de 2006 nun colexio de Alemaña), que expón os mecanismos de humillación que o levaron á vinganza e ao suicido, ao tempo que nos interroga cara a cara sobre as nosas responsabilidades.

Ademais dunha serie importante de actividades complementarias, que se presentarán nunhas semanas en Ribadavia, a MIT quere ser tamén un festival para a infancia e a xuventude con espectáculos dunha gran fasquía e coidado en todos os elementos da expresión escénica. Así, a compañía Maduixa empregará a danza e as proxeccións audiovisuais para introducirnos no universo plástico do artista norteamericano Sol Lewitt a partir do xogo. A compañía La Rous falaranos, sen palabras, da historia dunha muller que vive nun peirao pescando todo o que a xente bota ao mar, ata que un día aparece unha misteriosa botella cunha nena dentro. Que sucerá? Verémolo no espazo infantil da MIT, o teatro da Casa da Cultura. A estas pezas, con importantes premios da Feira Europea de Teatro Infantil FETEN, sumaránselle os espectáculos do ciclo SputMIT, a MIT no rural: Lume, de Babaluva, Mr. Pancho e a última función e o especial Improperio Ribadavia da nova compañía Triatreros, que se inclúe na liña de apoio ás novas compañías de teatro, chamado Programa L e iniciado na MIT 2013.

Por outro lado, a MIT continúa con aquela idea experimental de converter tamén ao festival nun ente coprodutor, idea que hoxe se ratifica como necesaria e complementaria para a posta en valor do talento escénico galego e da creatividade igualmente nas novas formas de produción. Neste sentido, cómpre tomar a iniciativa dende o compromiso e o esforzo colectivo, como é o caso da coprodución coa compañía Voadora e a súa exitosa campaña de crowdfunding, para seguir reclamando con toda lexitimidade a mesma responsabilidade dos gobernos en materia teatral. A tempestade, que se estreará en Galicia abrindo o festival, quere simbolizar tamén a importancia que a MIT lle concede a estas iniciativas onde, como nos di a compañía "o único teito posible é o ceo e a única prohibición é o aburrimento". Un gran equipo formado por Diego Anido, Jose Díaz, Fernando Epelde, Borja Fernández, Iván Marcos, Olalla Tesouro, Hugo Torres, Guillermo Weickert, Sergio Zearreta, Marta Pazos, Uxía P. Vaello, Manuel Cortés, Ana Luena, José Álvaro Correia, Cecilia Carballido, etc., formúlanos esta pregunta: que levarías a unha illa deserta, a esa illa á que o bardo de Avon nos convidou hai varios séculos? Neste ano Shakespeare, 450 anos despois do seu nacemento, a MIT tamén se suma ás celebracións mundiais acompañando dende a revivificación rockeira, plástica, dancística, ilusionista, coa que esta compañía galega de gran proxección internacional nos lembra que "a enerxía está intacta pero o aroma é diferente".

Outra das novidades desta edición conmemorativa dos 30 anos da MIT é a presentación do novísimo teatro arxentino da man dos directores Nacho Ciatti e Jorge Eiro (este último premio a mellor director na Bienal de Arte Joven de Buenos Aires 2013 con Sudado, unha obra que nos fala da inmigración pero tamén do traballo como anestesia para a dor e o desencanto que provocan o dó, o desarraigamento, a familia, a rutina, a soidade, o deber e os vínculos laborais).

 
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia