Convoctoria do 9º Premio Abrente de Textos Teatrais

O Concello de Ribadavia, a través da Mostra Internacional de Teatro, convoca o 9º Premio Abrente de Textos Teatrais.

Neste momento trátase do único premio anual de teatro que existe en Galicia.

O Concello de Ribadavia e a MIT reafirman o seu compromiso coas artes escénicas, coa dramaturxia galega contemporánea, coa lingua galega e coa dinamización transversal de todos os oficios do teatro.

Ribadavia, 30 de xaneiro de 2014.

Días antes da saída do prelo da Editorial Difusora (colección Abrente de Teatro) do texto de Fran Godón titulado Diante do espello, edición que conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Concello e a MIT presentan as bases da nova edición do Premio Abrente de 2014, dotado con 3.000 euros e unha estatuíña do artista Sampedro.

Adiántase a publicación das bases con respecto ás datas de anos anteriores coa finalidade de gañar tempo e maior difusión para unha das actividades máis consolidadas do festival, que este ano chega á súa 30ª edición, co desexo de afrontar as dificultades e os recortes públicos en materia cultural da mellor maneira e así non afecte directamente aos miles de usuarios e aos traballadores das artes escénicas, para os que están encamiñados todos os esforzos organizativos. Ribadavia é o símbolo das artes escénicas de Galicia e a demostración do carácter innovador, transformador e dinamizador do necesario investimento público en materia escénica, que tamén repercute visiblemente no Ribeiro en moitos outros sectores produtivos.

Abrente, un símbolo e un compromiso sólido coa lingua e co teatro galegos.

 
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia