MOSTRA INTERNACIONAL DE TEATRO DE RIBADAVIA 16-24 Xullo 2010
O proxecto da MIT Ribadavia 2010 foi avalado co programa IBERESCENA á programación de espectáculos a través de festivais
O festival recibe por primeira vez na súa historia unha axuda de Iberescena, consistente en 10.000 euros para a incidencia na programación de espectáculos teatrais procedentes de Iberoamérica: Arxentina, Chile e, de maneira especial, México.
Ribadavia, 18 de decembro de 2009.- A XXVI edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia estará marcada polo peso da presenza iberoamericana na súa programación. Este feito será posible, entre outros factores, pola concesión da axuda ao proxecto que a Concellería de Cultura de Ribadavia e a Dirección da MIT enviaron no mes de xullo de 2009 á Unidade Técnica Española do Programa Iberescena baixo o título "O CAMIÑO MEXICANO".
O concelleiro de Cultura, Anxo Collarte e o director da MIT, Roberto Pascual, amósanse ilusionados e satisfeitos ante a avaliación positiva deste proxecto que, sen dúbida, reafirma o afán internacional do evento escénico máis importante de Galicia e a consolidación dun desexo de diálogo coa realidade cultural de Iberoamérica e da lusofonía.
O Fondo Iberoamericano de axuda Iberescena foi creado en novembro de 2006 sobre a base das decisións adoptadas polo Cumio Iberoamericano de Xefes de Estado e de Goberno celebrado en Montevideo (Uruguai), relativas á execución dun programa de fomento, intercambio e integración da actividade das artes escénicas iberoamericanas. A MIT Ribadavia foi o único festival galego en obter estas axudas para 2010.
Ademais, con motivo do peso que terá a escena mexicana no próximo festival de Ribadavia, o director manterá unha reunión o vindiero día 28 de decembro en Madrid coa coordinadora de artes escénicas da Embaixada de México en España para avanzar na colaboración mutua o ano en que se celebra o Bicentenario do inicio da Independencia daquel país.
Un cordial saúdo.