Clausura MIT 2009

  A XXV edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia clausurouse o domingo día 26 cuns resultados históricos.

  Preto de 20.000 espectadores contabilizáronse.

A XXV edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia clausurouse o domingo día 26 cuns resultados históricos, o que supón un salto do dobre de asistentes a todos os espectáculos e uns resultados económicos que ratifican a eficiencia da súa xestión.

Preto de 20.000 espectadores contabilizáronse nas entradas do Castelo, da Casa da Cultura, Igrexa da Madalena e Campo do Xestal. Ademais, foron moitos os espectadores que se congregaron na Alameda, na Praza Maior (Ruadavia) e nas aldeas de Ribadavia (SputMIT, satélites da MIT). Cómpre destacar a alta calidade da oferta infantil e a diversidade de estilos escénicos como os elementos que máis positivamente valorou o público. Nas votacións do 10º premio ao mellor espectáculo o 90% deles obtivo unha valoración superior ao 4 nunha escala de 0 a 5, o que manifesta a alta calidade de toda a diversa programación, entre a nova dramaturxia, o circo, a danza, o mimo, o teatro clásico, etc...

O amplo eco e repercusión que tivo este aniversario, consolidan á MIT de Ribadavia como o máis importante festival internacional das artes escénicas galegas. A organización xa está a traballar para dotar de maiores elementos á Mostra de 2010, que pretende centrarse en Polonia e México, afondando na selección cualitativa de artistas internacionais. Péchase tamén esta etapa co proceso de elaboración de estatutos dunha fundación para a MIT de Ribadavia, un dos maiores proxectos de futuro e de traballo permanente para este histórico festival.

Ribadavia, 27 de xullo de 2009.
www.mitribadavia.com

 
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia